Saltar navegación.
Entrada
Nome
Contrasinal
Contrasinal?
Rexístrate!
non ao ooxml
   
   

Testos con prantas enriba dos PCs da Consellería de Educación


Caixas sen abrir contendo PCs a estrear ben poden valer para pousar enriba un fermoso testo lucindo unha frondosa pranta. Beleza? Esa é a utilidade dalgúns dos novos PCs que se lle enviaron a varios centros de ensino galegos de primaria e secundaria.

Queremos mellorar o ratio PCs/alumno, queremos que inclúan Sw Libre, queremos meter de cheo ao ensino galego na Sociedade do Coñecemento e para iso redistribúense milleiros de PCs con arranque dual. Isto, ao contrario do que poida semellar, está a xerar máis problemas ca solucións.

Representantes do profesorado e GUGLs (Grupos de Usuarios de GNU/Linux galegos) mantivemos unha xuntanza onte á tarde co persoal do SIEGA (Sistema de Información da Educación Galega) no edifico da Xunta en San Caetano, Santiago.

A concordancia nas conclusións foi unánime. É preciso:

  • Esixir a legalización do parque informático onde a pirataría ou o dobre pagamento de licenzas está á orde do dia.
  • Dispor de máis persoal técnico no SIEGA. Menos de dúas dúcias de persoas para atender ao cada dia máis numeroso parque informático dos 2000 centros de ensino alén dos complexos sistemas dos servizos centrais é absolutamente insuficiente.
  • Formar ao profesorado nas novas tecnoloxías con moita máis intensidade e calidade, especialmente en Sw Libre e maila filosofía é ética que éste impulsa.
  • Crear a figura dos PTIC1 nos centros de ensino para que o resto dos docentes só teñan que preocuparse de exercer a docencia axudados por aplicacións e sistemas informáticos funcionais e eficaces.
  • En definitiva, crear e orzamentar un Plan Estratéxico para o ensino galego, consensuado coas partes implicadas, que dé solucións eficaces á morea de atrancos que agora padece.

Reunión GUGLs+SIEGA+Profesorado

A longa reunión (máis de tres horas) foi preparada con varias semanas de antelación e contou coa activa participación do profesorado á hora de elaborar unha análise base. Ademais serviu para coñecer a problemática diaria que sufre o ensino desde os estamentos centrais ata o que acontece nos centros educativos.

Agora quérese informar directamente á conselleira de Educación, para correxir todas as incongruencias que agora padece o noso ensino, facendo partícipes aos axentes implicados, planificando e orzamentando medidas que poñan ao ensino galego nas mellores condicións porque del depende o noso futuro.

1 PTIC, Profesorado de Informática encargado da implantación das TIC nos centros de ensino.

 

AGNIX (2004-2008) - Algúns dereitos reservados.
AGNIX non se fai cargo dos comentarios verquidos, xa que son de responsabilidade exclusiva do seu autor.
A maquinaria é Drupal