(Escrito por:Veríssimo). Os telecentros galegos, grazas á Presidencia da Xunta de Galicia, empregarán Windows XP amosando, unha vez máis, o seu profundo descoñecemento, irresponsabilidade e incoherencia política.
Profundo descoñecemento sobre cales son as políticas públicas precisas para a inclusión da cidadanía galega no eido das novas tecnoloxías e a Sociedade do Coñecemento ou a Sociedade da Rede. Profundo descoñecemento do significado elemental de conceptos como inclusión dixital, avance e independencia tecnolóxica. Profundo descoñecemento do xeito de levar a cabo as políticas públicas necesarias para diminuír a fenda dixital. Profundo descoñecemento sobre as actuacións de outros gobernos neste respecto, mesmo doutras comunidades autónomas ben próximas tanto xeográfica, como ideoloxicamente.
O feito de abocar aos telecentros galegos a sistemas operativos privativos cos seus formatos de arquivos pechados non soamente é unha irresponsabilidade na xestión dos recursos públicos, é dicir dos nosos cartos, significa tamén abocar á nosa mocidade, maiores usuarios deles, ao sometemento do software privativo e dos arquivos (que non estándares) pechados. Ao fin, botar nas fauces de transnacionais estranxeiras, tan preocupadas elas pola defensa, coidado e mimo de culturas e linguas minorizadas, a formación daqueles que terán na súa man o futuro. Pór na man de Microsoft o desenvolvemento tecnolóxico galego, renunciando así ao noso desenvolvemento propio, ignorando, menosprezando e minorizando ás e aos técnicos e empresas galegas do sector tecnolóxico o seu coñecemento, a súa valía, a súa capacidade e compromiso, renunciando á nosa liberdade de escolla tecnolóxica e provocando á nosa e definitiva submisión ás transnacionais, a miudo estranxeiras.
Irresponsabilidade na actuación da administración pública, xa que o feito de que nun concurso público, se faga constar o nome da marca, do modelo do tipo e do fornecedor, altera o concepto de concurso é o propio espíritu da lei en matería de contratación da administración pública, existen sentencias xudiciais neste sentido.
O feito de publicar resolucións coma a do pasado día 15 de outubro, óllaa aquí, anunciando a compra de equipos multimedia co sistema operativo Windows XP da empresa Microsoft, ademais de ser de dubidosa legalidade, vai en contra do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI), aprobado polo goberno galego e posteriormente polo Parlamento de Galicia.
Temos aquí, que a Dirección Xeral de Comunicación, dependente directamente de Presidencia resolve desenvolver e executar actividades en contra do aprobado polo propio Goberno de Galicia. Semella grave, pero o é aínda máis burlar, ningunear a escolla, a decisión e vontade do pobo galego manifestada polos seus representantes no Parlamento de Galicia cando votaron de xeito afirmativo a aprobación do PEGSI.
Mais, que se lle pode pidir a quen ignora cales son os términos de posibeis acordos con Microsoft, ou mesmo se este acordo existe, a quen ignora a canto ascende o importe do gasto da administración de Galicia no concepto de pagamento de licenzas de software, que descoñece se nalgunha das Consellerías do seu goberno existe un plano, ou se está a elaborar un plano de migración, se tampouco coñece a canto ascende o gasto público da administración local de Galicia no pagamento de licenzas de software. Todo iso non son afirmacións miñas; é o que se desprende da contestación que se me remitiu no seu día a un escrito dirixido ao Presidente da Xunta e Galicia, no que se lle preguntaba por toda esa información.
Os grupos de usuarios que desenvolvemos actividades a prol do software libre en Galicia, e todas e todos os demais que pensan semellante, non podemos seguir consentido actividades coma estas, é tempo xa de deixar de laiarnos entre nós, é preciso que busquemos o apoio social a concienzación xeral da cidadanía en todos os ámbitos, empresarial, cultural, educativo. A denuncia pública do que está acontecendo ten que ser un feito urxente, é moito o que está en xogo, é demasiado co que están a xogar, é preciso que saiban, que entendan que empregaremos todos os medios incluíndo os xudiciais para facer valer os nosos dereitos, ao fin os dereitos da cidadanía galega.
O que quere dicir que, de momento estamos a preparar o recurso procedente en vía administrativa contra a legalidade dese prego de condicións técnicas, e no caso de non estimarse, avaliariamos a posibilidade de presentar o recurso contencioso-administrativo na vía xudicial que corresponda.
O concurso de licitación
Os telecentros galegos
Enviado por outros en Ven, 19/10/2007 - 08:16.












Comentarios recentes
hai 8 semanas 4 días
hai 9 semanas 2 días
hai 9 semanas 2 días
hai 9 semanas 2 días
hai 9 semanas 3 días
hai 9 semanas 3 días
hai 9 semanas 3 días
hai 10 semanas 2 días
hai 10 semanas 4 días
hai 13 semanas 7 horas