De cotío os sistemas GNU/Linux son mellores e máis doados de seren empregados. Xa non é necesario saber o que é un terminal para quen só desexe empregar aplicacións de escritorio. Até temos unha porrada de efectos especiais en 3D grazas a Compiz e para ilo tampouco é necesario ir ao terminal. Ben, agás cando os problemas sexan máis serios…

Porén, o poder real dos sistemas libres está nel, no terminal. Unha lectura recomendable é  “Ao principio foi a liña de comandos“, de Neal Stephenson, 1999 (libro en PDF traducido ao galego por CompostelaWireless). Outra pode ser este artigo (en inglés) “Lazy Linux: 10 essential tricks for admins“. Non polos 10 trucos referidos a SSH, VNC ou á restauración do contrasinal de ‘root’ senón, ao meu entender, pola opinión expresada polo seu autor, o polaco Vallard Benincosa:

Os mellores administradores de sistemas son distinguidos pola súa eficiencia. E se un administrador de sistemas pode ralizar unha tarefa en dez minutos cando levaría dúas horas en ser completada por calquera outro mortal, entón a eficiencia do administrador de sistemas debería ser recompensada (mellor paga) porque a empresa está a aforrar tempo, e tempo é diñeiro, verdade?

(…) Conclusión

Hai milleiros de trucos que podes aprender de alguén que sexa experto na liña de comandos. As mellores vías para aprenderes son:

  • Traballar con outros. Compartir pantallas de sesións e ollar como traballan outros -verás novos enfoques sobre facer cousas. Pode que necesites tragar o teu orgullo e permitir que outras persoas te dirixan pero con frecuencia aprendes moito.
  • Le as páxinas de manual (man pages). En serio, lendo as páxinas do manual, até de comandos que coñezas como a palma da man, pódente dar un sorprendente entendemento. Por exemplo, sabías que podes programar pàra rede con ‘awk’?
  • Resolve problemas. Como administrador de sistemas sempre estás resolvendo problemas, xa foran ccreados por ti ou por outras persoas. Isto chámase experiencia, e a experiencia faite mellor e máis eficiente.

Confío que a lo menos un destes trucos te axudaran a aprender algo que non sabías. Trucos esenciais coma estes fante máis eficiente e hanse engadir á túa experiencia pero, o máis importante, os trucos daranche máis tempo libre co que facer cousas máis interesantes, como xogar con videoxogos. E os mellores administradores son preguiceiros porque non lles gusta traballar. Eles atopan o camiño rápido para facer unha tarefa e rematala repidamente para poderen seguir cos seus pasatempos.